É un concurso anual no campo das lentes de contacto promovido polo laboratorio CooperVision, no cal compiten os mellores estudantes de universidade de Europa, Oriente Medio e África
O pasado xoves, 16 de outubro, as estudantes de 4º curso do Grao en Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela, Miriam Rouco Pais e Cristina Rodríguez Pérez, xunto co seu titor académico, Jacobo García Queiruga, desprazárose ata Budapest para defender á Universidade na fase europea do concurso OptiStudent Awards 2025.
Trátase dun concurso anual no campo das lentes de contacto promovido polo laboratorio CooperVision, no cal compiten os mellores estudantes de universidade de Europa, Oriente Medio e África. O obxectivo deste concurso é o de inspirar aos estudantes en materias de investigación, así como de motivalos para acadar a excelencia nos seus estudos.
As estudantes elaboraron o seu proxecto “Cambios na temperatura ocular inducidos por lentes de contacto diarias” no pasado curso académico 2024/2025, cando aínda eran estudantes do 3º curso.
As estudantes recibiron este verán a noticia de que superaran como gañadoras a fase Iberia, polo que o seu proxecto puido ser defendido na final celebrada en Budapest. Os xuíces responsables de valorar todos os proxectos foron recoñecidos optometristas de todo o mundo como James Wolffsohn (decano da Universidade de Aston, Birmingham, Reino Unido), Stefan Bandlitz (decano da Cologne School of Optometry, Colonia, Alemaña), Byki Huntjjens (presidenta da British Contact Lens Association, Reino Unido) e Elena García Rubio (co-directora do Instituto Nacional de la Visión, Madrid, España).
Finalmente, as estudantes da USC obtiveron o primeiro premio pola calidade e claridade de exposición do seu traballo, o cal tiveron que expoñer e defender en inglés ante o tribunal.
Este ano na final do concurso OptiStudent Award participaron un total de 5 universidades: Universidade de Jena, representando a Alemaña; a Universidade Dania Academy, representando a Dinamarca; a Universidade de Cardiff, representando a Reino Unido e Irlanda; a Universidade Czech Technical, representando á República Checa; e a Universidade de Santiago de Compostela, representando a Iberia (España e Portugal).

